PequeFilmes
PequeFilmes, Festival de Curtas Infantís de Galicia, celébrase en xaneiro desde 2016 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
É o festival de cinema infantil de referencia en Galicia e achega ao público máis novo unha amplísima e coidada selección de obras internacionais de gran calidade e cuxo acceso sería especialmente difícil para este tipo de espectadores, cunha especial atención ás producións de cineastas e escolas de Galicia. A resposta deste público é sempre fiel e entusiasta, e cada ano enchen as salas que se montan dentro das instalacións do museo para acoller este evento.
Os contidos, divididos en tres franxas de idade (+0, +3, +7) que corresponden ás seccións Vagalumes, Miñocas e Fanecas, buscan non só facilitar o goce duns contidos sempre sorprendentes, fascinantes e educativos, senón a formación de espectadores cun espírito crítico, capaces de descubrir e demandar linguaxes, formas, expresións, culturas, sensibilidades e miradas alternativas ás que se lle ofrecen habitualmente nas canles comerciais máis próximas.
En PequeFilmes estes mozos espectadores son os únicos xurados, que coas súas votacións e valoracións conceden os premios que cada ano outorga o festival.
Xunto ás seccións competitivas, o festival complétase cunha programación variada e en continuo movemento, articulada ao redor de cinematografías nacionais, retrospectivas de cineastas, eixos temáticos e colaboracións con outros festivais, organismos, colectivos e institucións.
PequeFilmes organiza tamén cada ano diversos Obradoiros onde centos de nenos e nenas participan en actividades formativas relacionadas co cinema, a animación e a linguaxe audiovisual.
Con motivo das restricións sanitarias que vivimos en 2021, PequeFilmes viuse obrigado a cambiar o seu formato nesta edición, e presenta unha modalidade dual na que a programación de curtametraxes se viu reducida, e ofrécese á vez de forma presencial para un aforo reducido no Auditorio da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e nunha modalidade en liña a través de tv.festhome.com.
Por este motivo, decidimos cancelar o concurso nesta edición. As curtametraxes foron seleccionadas por invitación e forman parte dunha sección de mostra xenérica na que non se diferencian seccións nin se conceden premios. As curtametraxes seleccionadas nesta edición recibirán a cambio o pago dunha taxa pola súa proxección e emisión.
Tanto as obras rexistradas como as seleccionadas para participar na edición de 2021 consideraranse automaticamente rexistradas para a edición de 2022, cando esperamos poder volver desenvolver o festival en mellores condicións, e poderán ser seleccionadas para as competicións da próxima edición e optar aos seus premios.
PequeFilmes. Festival de Curtas Infantís de Santiago de Compostela está organizado pola Xunta de Galicia a través do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, coa colaboración de Cinética.